Friday 17 de May de 2024

A Deputación da Coruña destina 1,2 millóns de euros para financiar a limpeza de praias e contratación de socorristas en piscinas e praias fluviais


Ambos os programas supoñen a contratación de máis de 300 persoas durante os meses de verán

 

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe as Bases do programa de limpeza de praias 2020 destinado aos concellos costeiros da provincia, cun orzamento de 900.000 euros. Esta convocatoria súmase á publicada o pasado 31 de xaneiro, no que se fixeron públicas as bases das axudas provinciais para a contratación de socorristas en piscinas e praias fluviais dos concellos do interior, que este ano contan cun orzamento de 306.000 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que ambos os programas suman un importante investimento de 1,2 millóns de euros para contribuír á mellora da imaxe das máis de 360 praias coruñesas durante a tempada estival e á seguridade das piscinas dos concellos de interior con menos de 50.000 habitantes.

“Supoñen tamén un importante impulso á creación de emprego durante os meses de verán, xa que a cargo destas liñas de subvencións contrátanse cada ano a preto de 300 persoas nos concellos da provincia”, afirmou o presidente da Deputación da Coruña.

Axudas de entre 33.840 e 6.768 euros para limpeza das praias

A finalidade deste programa é apoiar os concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia durante a tempada estival.

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de maio e o 31 de outubro de 2019. O importe máximo que poderá recibir cada concello solicitante a través deste programa ascende a 33.840 euros e o mínimo a 6.768 euros.

Como se vén facendo nos últimos anos, a Deputación aplicará criterios obxectivos para baremar as solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.

Socorristas nos concellos de interior

Ademais, a Deputación destinará este verán 306.000 euros para financiar a contratación de socorristas nas piscinas municipais e praias fluviais dos concellos do interior da provincia con menos de 50.000 habitantes. As bases deste programa foron publicadas no BOP do pasado 31 de xaneiro.

O importe máximo que poderá percibir cada concello neste programa será de 10.000 € e o mínimo de 2.500 € e o período máximo de contratación será tamén de tres meses. Os criterios para baremar este programa serán tamén a superficie total das piscinas municipais e a poboación do concello.